Inicio . blog . En col da verba Cigarrón

Artigos

En col da verba Cigarrón

Para tentar de lle atopar unha explicación coherente a esta verba, cómpre facer antes referencia a unhas máscaras que en Asturias saen nos comenzos do ano. Aparecen designadas estas, entre outros nomes, como Guirrios e Zamarrones, sendo o seu principal papel o de pedir polas casas unha esmola ou aguinaldo (cartos, mazás, sidra…). Este feito petitorio deseguida nos remonta ás nosas más­caras (cigarróns, peliqueiros, vellarrois…) que tamén exerceron tal papel, ainda que na actualidade aparece moi desvirtuado xa, a causa do paso dos anos. Na súa vestimenta tamén se asemellan moito aos Cigarróns e aos Irrios dou­tras partes pois levan unha faixa, chocas e a cor que predomina no traxe, é a branca. Na man levan caxatos ou paus con vixigas e choutan ao andar, facendo soar as chocas. Tamén levan un pano ao pescozo, regalo da moza, que cae sobre os seus ombreiros e do gorro cónico que portan, vai pendurando unha pelica con rabo de animal montesío. Noutros casos a pelica cae sobre o peito e as costas, a xeito de escapulario. A semellanza coas máscaras existentes na provincia de Ourense (Cigarróns, Irrios, Boteiros…) é pois, evidente.
En canto á verba Cigarrón poden atoparse variantes da mes­ma nunha ampla zona que vai dende Galicia a Aragón, ou sexa, parte da metade norde da península. Desde o Zamarrón asturiano ata o Zamarrero navarro, pasando polo Zagarrón de Cidade Rodri­go, rexístranse ademáis as variantes de Xafarrón, Zaharrón, Zafa­rrón, Zangarrón, Zarramón, Zarrón e Mazarrón, todas elas dentro da devandita zona norde peninsular. En Euzkadi tamén se rexistra o nome de Zamorrua que polo papel que ten asignado ben poidera asemellarse coas máscaras anteditas. Según modernas etimolo­xías faise derivar esta voz do árabe Çahrón, quen á sua vez deriva­ría de Maçhara (máscara). Non obstante foron bastantes as etimo­loxías das que se fixo derivar esta verba, moitas veces documen­tada en textos medievais baixo distintas formas entre as que des­tacan Çagarrones, Çaarrones ou Çaharrones. Baixo estes nomes coñecíanse certas máscaras de porte ridículo ou medoñento que ían nas festas e procesións co fin de manter un certo orde entre os concurrentes, acougando á rapaciada que distraía ou brincaba sen tino. Esta figura grotesca tamén adoita pechar a marcha en moitas das danzas gremiais, meténdose e acosando por ratos á xente que asiste ao baile. Por ir sempre detrás nas figuras que se interpretan tamén se fai derivar zagarrón de zaga, ainda que esta etimoloxía semella pouco probable. Outras etimoloxías explícanse a partir da confusión coa verba zamarra ou coa lembranza das verbas cigarra e zángano.
Sobre algunhas máscaras con estes nomes anteditos, dise que vestían con peles e botaban palla e mais cinza; que eran xograres que con disfraz grotesco divertían á xente; que vestían traxes de mu­iler, de monstro ou doutro animal, que se permitían licencias coas mulleres, que realizaban danzas, e moitas mais referencias que se atopan en textos medievais como as Partidas, ou o Libro de Alexandre. No Quixote e noutros textos clásicos do XVI e XVII tamén aparece esta verba con profusión. Todas estas funcións asignadas a estas máscaras remítennos obrigatoriamente aos distintos papeis que as nosas máscaras tiñan ou teñen asignados no Entroido se­gundo a tradición.
Outra curiosa etimoloxía é a apontada por un desaparecido abade pescudador que exercía na parroquia de Cas­trelo do Val e cuxa opinión foi logo retomada por outros investigadores para expli­car a orixe desta verba Cigarrón. Cóntanos que a orixe da palabra Cigarrón procede dos antigos costu­mes das tribos dos Cigurros ou Guigurros que ocupaban as terras da Cigarrosa no Val de Orras: Do nome destas tribos viría, xa que logo, o nome dos Cigarróns e mais do Irrio de Castro Caldelas, non dando máis referencias nen explicacións sobre a orixe dos étimos. Concluindo: É posible que estas máscaras teñan, nalgúns casos, unha orixe máis antiga que a medieval pero non cabe dúbida que é nesta época can­do as etimoloxías apontadas aparecen documentalmente con máis frecuencia.

Autor: Xerardo Dasarias, 15 de Xaneiro de 2010.
Blogue

Creative Commons License
Tódolos textos recollidos en www.entroido.eu son licenciados por Homo Ludens baixo Licencia de Recoñecemento Creative Commons 3.0.
Os dereitos das fotografías corresponden aos seus respectivos autores.