A sua indumentaria está baseada nunha vella chaqueta con charretas e unha carauta coa mitra decorada con ornatos vexetais, conservadas na Xironda. As únicas diferencias cos cigarróns estriban precisamente nesta decoración vexetal e na cor amarela de fondo, uniformes en todas as mitras.
Unha das artes dos Cigarróns ou Peliqueiros consiste precisamente en mover con xeito as chocas (mornear, din nalgúns sitios), usando do propio movemento do corpo. O Cigarrón camiña sempre choutando e morneando as chocas, batendo coa zamarra nos que se cruzan no seu camiño: Non fala e nunca sacaba a carauta na rua apesar de que na actualidade sexa cousa frecuente.
O peliqueiro é intocable, pódeselle berrar e aldraxalo chamándolle algún alcume ou algún segredo da súa vida, máis ninguén lle pode tocar, facer burla, ensuciar ou pronunciar o seu nome de pila. É o rei indiscutible da festa e tamén o gardián de tódolos demáis personaxes do entroido. O peliqueiro debe darse a respetar levando con dignidade e soltura o traxe.
O troteiro é un personaxe que ademáis de trotar polos camiños, caracterízase por unha serie de elementos estéticos. Leva un traxe de cor branca, a ser posíbel de liño, que se adorna cunhas cintas de cores que lle colgan das diferentes partes do traxe. Este, tamén leva un pano de ganchillo, cosido á camisa pola parte de atrás, á altura dos hombreiros.
A morena é en realidade unha máscara, na que un home se disfraza de vaca: trátase dunha cabeza de vaca de madeira, con cornamenta auténtica, lingua roxa de trapo e ollos de vidro, que vai suxeita a un pau longo rematado por un rabo de ristra de millo.
O cortexo de “Madames” e “Jalás” viaxaba dunhas aldeas a outras buscando o baile e a troula. No entroido que se facía nas aldeas de Baltar, xuntábanse os mozos tocando e bailando na aira ou no fiadeiro e acababa toda a mocidade bailando. Continuaba a festa e facían unha merenda con ovos e chourizos.
Personaxe colorista e principal do entroido de Manzaneda. Vai bailando diante do “Fulión ou Folión”. O fai detrás da Comparsa e diante de todos os bombos, corna, aixadas, gadañas, gaita e caixa, (elementos sonoros do fulión)…
A Pita eríxese na defensora da Festa da Pita e da boa veciñanza. Chouta, brinca e corre anunciando co ruido das súas chocas e o brilo das súas cores básicas a chegada do Entroido.
Dous, catro, seis, oito… sempre pares, os Boteiros abren o paso dos fulións. Enmascarados co traxe regulamentario vistoso e colorista, danzan e corren. Teñen que mostrar sempre autoridade, gallardía, elegancia e virilidade. Emitindo ronquidos intimidantes, retiran ao público para facer máis vistosa a farándula carnavalesca.
A Charrúa é unha máscara, mais sobre todo, é un xeito de vivir o Entroido. Co berro, “Charrúa merda crúa”, nenos e maiores provocan as “entradas” da máscara que reacciona lanzando golpes co caxato que leva na man.